Sunday 05 de May de 2024

Feijóo avoga por seguir conxugando innovación, calidade e unión como fórmula dun sector lácteo potente capaz de afrontar os retos do futuro


Refírese ao proxecto de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) como exemplo dunha desas respostas innovadoras que parte da colaboración e da unión

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou por seguir conxugando innovación, calidade e unión como fórmula dun sector lácteo potente capaz de afrontar os retos do futuro. E, nesta liña referiuse ao proxecto de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), no que Feiraco tivo un papel determinante, como exemplo dunha desas respostas innovadoras que parte da colaboración e da unión.

Durante o acto de entrega do X Premio Liderazgo empresarial, organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña, Feijóo afirmou que Galicia é o resultado de conxugar o rural e o urbano, a tradición e a modernidade, ao que engadiu que esta composición ten un efecto innegable na economía do país.

Ao respecto, o responsable do Executivo autonómico destacou a contribución do galardoado, José Montes Pérez, ao progreso económico da Comunidade: “Entregar este premio ao presidente de Feiraco é, sobre todo, un premio ao noso rural; un rural no que José Montes viu unha oportunidade”, dixo, facendo fincapé en que o Goberno galego ve no rural un sector cheo de futuro e oportunidades, “e por iso estamos a levar a cabo programas como o de impostos cero que, segundo datos de finais de xullo, xa beneficiou a máis de 3.000 persoas”, lembrou.

Así mesmo, afirmou que este galardón é, por outra banda, “un recoñecemento a unha forma de facer as cousas, de crer que o tradicional pode ser moderno, de contradicir aos derrotistas, de ser enxeñosos e ambiciosos e, por riba de todo, de buscar respostas novas ante novos retos”.

Por último, o responsable autonómico comprometeu o traballo do Goberno galego para seguir facendo de Galicia un marco cada vez máis propicio para a creación de empresas. “Esa é a nosa política máis certeira, porque vós –dixo en alusión aos emprendedores- creades emprego, unides a sociedade e levades o nome de Galicia como símbolo de calidade”.